Autoras

Antonio García Teijeiro

Biografía

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO (Vigo, 1952). Narrador, poeta e especialista en Literatura Infantil-Xuvenil leva ben anos traballando na difusión da literatura para rapaces en distintos ámbitos. Colaborou nos xornais e revistas máis importantes de Galicia e fóra dela. Codirixiu durante dez anos unha prestixiosa colección infanto-xuvenil (Árbore, da editorial Galaxia) e foi codirector do programa radiofónico de música e poesía, Os sons do silencio.

Imparte talleres de creación literaria en Galicia, España e Latinoamérica e participa en importantes Congresos e Xornadas dedicados á literatura para nenos. Como autor acadou importantes premios: “Merlín”,o “Europeo Pier Paolo Vergerio” e entrou na “Lista de Honra do IBBY”, ademais do “Illas Sisargas de Poesía 2006”, entre outros (Fundación Cuatrogatos, de Miami, Luna de Aire de Poesía).

O seu libro Cacarabín, Cacarabón (Versos de agua en castelán) foi elixido por un xurado de expertos entre “Los 100 del siglo XX”. Os seus poemas figuran en importantes antoloxías en distintas linguas.

O libro coescrito con Antonio Reigosa, Lendo lendas, digo versos, foi premiado na I Gala do Libro Galego e entrou na Lista de Honra do IBBY en 2018.

En 2017 recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e xuvenil por Poemar o mar co que acadou o Premio Internacional da Fundación Cuatrogatos (EE UU)

Algúns dos seus libros da súa ampla bibliografía son: Na fogueira dos versos, Chove nos versos, Presenzas marcadas, Poemar o mar, En la cuna del mar, Palabras do mar, Paseniño, Paseniño, Petando nas portas de Dylan (poesía) ou A teima de Xan e Trala liña do horizonte (narrativa), Disfrutar escribindo, As bibliotecas escolares e de aula ou A Poesía necesaria (didáctica).

Os seus libros