Biografía
Érica Esmorís (A Coruña, 1977) nunca tivo un bar, aínda que estivo en moitos.
Gústanlle as historias, e as dos bares darían para encher os andeis de todas as bibliotecas de Galicia.
Ás veces quéixase: gustaríalle escribir nunha das súas mesas coxas dun bar, pero precisa do silencio máis absoluto e do cariño caprichoso dos seus gatos Luigi e Molly.
Desde o seu escritorio escribiu moitas historias (moitísimas!) e leva publicados doce libros en editoriais como Cuarto de Inverno, Xerais, Edelvives, Anaya, Galaxia e Sushi Books. Ten algún premio e sabe que é afortunada: ao cabo, fai o que quere.
Cando a vida dá un respiro, baixa a reixa e brinda cun café por quen a acompaña nas páxinas e, sobre todo, fóra delas.