Biografía
Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre do ensino público, contador de historias, poeta e escritor.
No eido da dramaturxia, gañou en 2008 o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con Saltimbanqui (Xerais, 2008), dirixida e adaptada por Quico Cadaval.
No eido da literatura xuvenil, con A gruta da torre (Xerais, 2022), obtivo o V Premio Agustín Fernández Paz 2021 de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade.
Acadou o Premio Raíña Lupa 2022 de literatura xuvenil pola novela A tribo do mar (Xerais, 2023).
Como poeta, publicou LP (2013) e Long Play (2017), e conseguiu o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia nese ano por «Blues do rei Bergman=B.B. King». Xunto á fotógrafa Alba Díaz deu ao prelo Lugo Philadelphia (Xerais, 2023), libro de poesía e fotografía.
Gañou o Premio María Victoria Moreno 2023 convocado polo Concello de Pontevedra coa novela Cartas na escuridade (Cuarto de Inverno).
No eido do xornalismo, fíxose co Premio Johan Carballeira do Concello de Bueu (2023).