Biografía
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) foi unha poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga, tradutora, docente e violinista. Cunha prolífica carreira literaria publicou os poemarios Música reservada (1991), Ruído (1995), En concreto (2004, Premio de Poesía Espiral Maior), e a plaquette Rota ao interior do ollo (1995). A súa produción dramática concéntrase nos títulos Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991), As certezas de Ofelia (1999) e Os doces anos da guerra (2001). Como narradora publicou Siléncio, ensaiamos (1991), Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001) e, como ensaísta, O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) e O outro lado da música, a poesía (1999). O Libro das colunas (2005) reproduce unha escolma dos artigos que publicou en A Nosa Terra.
Tamén colaborou en revistas como Festa da palabra silenciada, Grial, A Trabe de ouro ou Tempos Novos.