Caderno

VI Premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno

Primeira: O Concello de Pontevedra establece esta convocatoria de premio co fin da dinamización e fomento a lectura e a promoción do uso do idioma galego como unha actividade de interese social. 

As presentes bases teñen por obxecto regular o procedemento da concesión do VI Premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno que se vai celebrar durante este ano 2023.

Segunda: Poderán participar no VI Premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno, calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega e cunha extensión máxima de 250.000 caracteres.

Terceira: A concesión do premio obxecto das presente bases rexeranse polo disposto na Ordenanza xeral reguladora das subvencións do Concello de Pontevedra, aprobada polo Pleno da Corporación na sesión do 17.09.2004 (BOP no 190 do 30.09.2004), pola Lei 38/2003 de 17 de novembro, xeral de subvencións, polo Regulamento que desenvolve a anterior, aprobado por Real Decreto 887/2006, de 17 de novembro, e pola Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Cuarta: Para a concesión do premio obxecto desta convocatoria, destinarase o crédito global de 4.000,00 € que se imputará á aplicación orzamentaria 09.3342-48100 do orzamento de gastos do exercicio 2023.

Quinta: Os orixinais presentaranse en formato PDF, gravados nunha memoria externa, maquetados en formato DIN-A4, en letra Times ou semellante de corpo 12 e a dobre espazo. Irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade de persoa autora (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior «VI Premio de literatura Xuvenil María Victoria Moreno» e o título ou lema da mesma.

Sexta: O prazo de inscrición para participar no concurso será dende o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, ata 30 días naturais despois da devandita publicación. (Prazo ata o 15 de outubro de 2023). Os orixinais deberán entregarse no Pazo da Cultura de Pontevedra, Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36.005 Pontevedra.

Sétima: O Xurado estará composto por unha persoa representante da familia de María Victoria Moreno, unha persoa representante do Concello de Pontevedra e unha persoa representante de Cuarto de Inverno. O fallo do Xurado terá lugar en Pontevedra durante o ano 2023.

Oitava: A obra gañadora será premiada coa publicación do libro e coa cantidade de 4.000,00 € que abonará o Concello de Pontevedra. Cuarto de Inverno, mediante contrato privado coa persoa autora, será a encargada da edición e publicación desta en lingua galega, sendo a titular dos dereitos durante os seguintes cinco anos á concesión do premio. A persoa beneficiaria do premio recibirá gratuitamente 20 exemplares da obra publicada e terá dereito a unha participación proporcional nos ingresos derivados da explotación da obra.

Novena: Serán por conta da persoa premiada todos os impostos que graven a percepción do premio. De conformidade coa vixente lexislación española, o premio obxecto deste Concurso estará suxeito aretención do IRPF, que será asumido pola persoa gañadora. As demais repercusións fiscais que a obtención do premio teña na fiscalidade da persoa premiada, será por conta desta, polo que o Concello de Pontevedra queda exonerado de calquera responsabilidade ao respecto. Os pagamentos realizaranse contra documento fiscalmente recoñecido en calquera dos tres idiomas seguintes: galego, castelán ou inglés.

Décima: As entidades convocantes resérvanse o dereito a publicar, xunto co fallo, os lemas das obras finalistas cuxa publicación recomendase o Xurado, mais sen abrir a plica, para respectar así o seu anonimato. As persoas autoras das obras mencionadas que así o desexen poderán pórse en contacto con Cuarto de Inverno para trataren o tema da publicación a través do mail info@cuartodeinverno.com.

Undécima: Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

Duodécima: Os orixinais que non resultasen premiados serán devoltos ás persoas autoras dos mesmos no caso de o requiriren por correo electrónico a info@cuartodeinverno.com antes de rematar o mes seguinte á decisión do xurado.

Décimo terceira: A participación neste premio implica a aceptación incondicional das súas regras, así como o recoñecemento da decisión final irrevogable do xurado.

Décimo cuarta: Esta convocatoria será publicada na Base de Datos Nacional de Subvencións, como sistema nacional de publicidade das subvencións. Asemade, publicarase na sede electrónica do Concello complementariamente no taboleiro de anuncios e páxina web do Concello.

A participación neste premio implica a aceptación incondicional das súas regras, así como o recoñecemento da decisión final do xurado como irrevogable.